A poética da luz en Rosalía ilumina o ingreso de Anxo Angueira na RAG

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

PADRÓN

Anxo Angueira durante a lectura do seu discurso de ingreso no auditorio do Padrón
Anxo Angueira durante a lectura do seu discurso de ingreso no auditorio do Padrón PACO RODRÍGUEZ

«É a máis alta honra que se me pode conceder», dixo o novo académico

27 abr 2024 . Actualizado a las 18:44 h.

En Padrón e pousando a ollada en Rosalía de Castro. Fusionando estes dous elementos transversais na súa traxectoria foi como o escritor, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación da autora de Follas novas, Anxo Angueira Viturro (Dodro, 1961), ingresou este sábado como membro de número na Real Academia Galega (RAG). «Ter a oportunidade de formar parte da institución é para min a máis alta honra que se me pode conceder, polo que quero expresar o firme compromiso de defender sempre o prestixio da Academia, a súa independencia e a proa de horizonte para a que foi creada», afirmou nada máis comezar o seu discurso nun auditorio municipal de Padrón que se quedou pequeno.

Anxo Angueira ocupará a cadeira que quedara vacante en marzo do 2023 tras o pasamento de Salvador García-Bodaño. Precisamente, para el tivo palabras de lembranza o novo académico, cualificándoo como o «poeta de Compostela» e incluíndoo no grupo elixido de «grandes poetas que foron quen de deixar versos de bronce na historia literaria dun país». Tamén se acordou no seu ingreso doutros tres académicos: Bernardino Graña, que foi mestre seu precisamente entre as mesmas catro paredes que acolleron o seu ingreso; o seu «irmán» Darío Xohán Cabana (1952-2021), e o expresidente da RAG Xosé Luís Méndez Ferrín.

Máis alá de lembranzas e agradecementos, a cerna da intervención de Anxo Angueira estivo na poética da luz en Rosalía de Castro, «que acabou por converterse nun signo moi persoal e ao mesmo tempo moi significativo, mesmo senlleiro, a respecto de todo o conxunto da súa obra». Deste xeito, o novo membro da Academia fixo un percorrido pola produción literaria rosaliana desde La flor (1857) e A mi madre (1862) ata en Las orillas del Sar (1884), facendo especialmente fincapé en Cantares gallegos (1863) e Follas novas (1880). Aínda que en Cantares tamén hai referencias á «noite negra», Angueira afirmou que «é un libro onde predomina a luz. Fronte ás noites están tamén a aurora e a alborada». Precisamente, o penúltimo poema do libro titúlase Alborada, «unha chamada expresa ao espertar de Galicia, unha salutación a un novo tempo de rico porvir». Pero se Cantares «era o libro da esperanza», Follas novas «é o da derrota», de aí que a autora empregue unha nova poética da luz con ese emblemático Negra sombra.

Por outra banda, Angueira salientou como esa poética da luz «tamén foi determinante nas visións que de Rosalía nos deixaron algúns grandes poetas», poñendo como exemplo ese retrato fundacional de Curros, que contén «a noite sin fin» e maila luz de «na frente unha estrela». Pero tamén aparece en García Lorca, Pimentel, Uxío Novoneyra ou Xohana Torres, entre outros.

«Un dos nosos»

O discurso de Anxo Angueira tivo como resposta un prolongado aplauso do público que ateigaba o salón de actos. Despois, Chus Pato foi a encargada de contestarlle nunha intervención na que considerou ao académico «un dos nosos» logo de reflexionar sobre a súa traxectoria seguindo o devir das súas raíces familiares e de tres das súas obras: o seu último poemario, Palmeiras, piueiros (2021); a novela Pensa nao (1999); e o ensaio Rexurdimento: a palabra e a idea (2019). «Se tivese que elixir unha palabra para definir o corpo letrado de Anxo Angueira non o dubidaría: a palabra é Rexurdimento», apuntou Chus Pato, facendo tamén referencia a ese traballo no que o presidente da Fundación Rosalía cuestiona a historiografía da literatura galega.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, foi o encargado de entregarlle o diploma e a medalla a Anxo Angueira, ademais de darlle a benvida á súa nova casa. «Moitas grazas polo teu traballo. É unha honra para todos nós recibir ao escritor, narrador e poeta, profesor, crítico, ensaísta, editor literario, estudoso das nosas letras —especialmente da obra de Rosalía—, tradutor, activista da nosa cultura e presidente dese patrimonio nacional que é a Casa da Matanza», detallou. Ademais, subliñou que a incorporación de Angueira á RAG «fortalece os recursos intelectuais e humanos a prol da nosa cultura e a nosa lingua, ben necesitada de todas as vontades, intelixencia e traballos». Ademais, para pechar a sesión, apuntou que esta «non podía ser noutro sitio ca en Padrón nin outro tema que a luminosa presenza de Rosalía de Castro».

O auditorio de Padrón ateigouse para arroupar a Anxo Angueira no ingreso na RAG, con xente que tivo que quedar de pé
O auditorio de Padrón ateigouse para arroupar a Anxo Angueira no ingreso na RAG, con xente que tivo que quedar de pé PACO RODRÍGUEZ

Ofrenda na estatua da poeta, música e remos en alto

Padrón foi o escenario elixido para que Angueira ingresara na RAG: «É o lugar onde empecei e do que partín, onde se forxou de xeito decisivo o que eu son como escritor, como profesor e como cidadán». Pero antes de acceder ao auditorio municipal para a cerimonia acompañado dos dous últimos académicos en incorporarse, Lourenzo Fernández Prieto e María López Sández, houbo outras actividades na vila.

O alcalde, Anxo Arca, ofreceu unha recepción aos membros da Academia no Concello, onde Anxo Angueira e Freixanes asinaron no libro de honra. «Comigo entran na Academia Padrón e Rosalía», escribiu quen ocupa a cadeira na que antes sentaron Manuel Banet Fontenla, Ramón Piñeiro e Salvador García-Bodaño.

Non faltou tampouco a ofrenda floral ante a estatua de Rosalía no Espolón, así como himno da man da agrupación folclórica O Pedrón. Tal e como explicou no seu discurso I es a noite, i es a aurora. A poética da luz en Rosalía de Castro, foi neste espazo onde cando tiña uns dez anos leu por primeira vez un texto escrito en galego. Tratábase dos versos gravados na pedra da estatua.

Despois, ás portas do auditorio, o académico electo foi recibido cos remos en alto por integrantes da Escola de Navegación Tradicional Dorna, que tamén cantaron. Precisamente, o espazo no que se celebrou o acto tiña un especial significado para Angueira, xa que foi onde cursou BUP e COU: «Foi aquí onde aquel mozo naceu conscientemente ao mundo da formación intelectual e cívica, ao mundo da cultura». Este sábado os compañeiros de clase trocaron por membros da RAG, representantes institucionais, familiares e amigos.