Luke Bishop: «A xente queda flipando cando escoita falar galego a un rapaz de Iowa»

Andrea Otero OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Luke tivo o seu primeiro contacto con Galicia e a lingua en 2015.
Luke tivo o seu primeiro contacto con Galicia e a lingua en 2015. miguel villar

Luke Bishop, de Iowa, está realizando a súa tese de doutoramento sobre os neofalantes ourensáns

06 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Luke Bishop é un rapaz de Des Moines, capital do estado de Iowa, que comezou unha nova vida en Galicia. Está cursando o doutoramento de Linguas Romances na Universidade de Texas, pero actualmente vive entre Compostela e Ourense. Para a súa tese escolleu como tema os neofalantes ourensáns e está a procura de xente para as súas entrevistas.

«Sorpréndeme a cantidade de xente que defende o galego sen falalo»

Para dar a coñecer o seu proxecto, Luke pegou carteis polas rúas da cidade. En canto se deu conta xa tiña centos de notificacións no seu teléfono móbil grazas a publicación dun tuit. «Para a próxima non porei o meu número de teléfono nun anuncio, só o correo», indicaba Luke entre risas pola gran cantidade de mensaxes recibidas. De feito, aquel que queira poñerse en contacto con el pode facelo a través do seu correo: lukebishop@utexas.edu. En canto a temática do estudo piloto da súa tese, escolleuna debido á falta de documentación sobre o asunto. Un dos datos que máis lle chamou a atención a Luke realizando o estudo foi a cantidade de xente que non fala galego. «Sorpréndeme a cantidade de xente que defende o galego sen falalo», indica. El, como persoa formada en linguas romances, cre que o galego é unha lingua fermosa que hai que falar e coidar. «Nunca é tarde para comezar a falalo», sinalaba.

— Cando tivo o primeiro contacto con Galicia?

— Foi no 2015. Atopei un intercambio tipo Erasmus, versión estadounidense, para a Universidade de Vigo. Daquela tamén fixen un curso de galego e encantoume. Dende aquel primeiro momento quixen volver o antes posible.

— E como chegou Ourense?

— Estaba facendo a carreira de Linguas Romances e quería volver, entón conseguín unha bolsa para pasar un ano completo en Galicia como profesor de inglés. Puxen en preferencias a cidade de Ourense e mandáronme ao IES Otero Pedrayo. Foi unha experiencia incrible.

— Por qué Ourense?

— Porque me interesaba moito o galego e aquí fálase máis. Estaban as sete cidades galegas como opción pero decidín Ourense. Para min é unha cidade moi bonita e especial na que o paso xenial indo aos viños, ao restaurantes e compartindo momentos coa xente de alí.

— Actualmente está en Santiago de Compostela.

— Boto de menos Ourense, aínda que estou indo de vez en cando para facer entrevistas para o doutoramento. Cada vez que vou sinto que Ourense é unha cidade chea de vida, feita polos propios habitantes. En Santiago hai demasiado turista.

— Fala moi ben o galego. Como aprendeu?

— Fixen cursos pero a falar mais informalmente aprendín en Ourense. Alí fixen intercambios no bar Charlotte, no que a xente mantén conversas en distintas linguas. Cando volvín a Estados Unidos facía videochamadas cun amigo para aprender os dous

— A xente sorprendese cando fala?

— Algo que me parece curioso é a reacción dos galegos que non falan galego. A xente queda flipando cando escoita falar galego a un rapaz de Iowa. A eles quero dicirlles que o intenten tamén. Calquera pode e debe falar en galego, xa que é unha lingua moi bonita e debería ser motivo de orgullo aquí en Galicia.

— Non pensa que sexa un orgullo?

— Para moita xente éo pero para outra tanta non o é. Moitas veces a xente di que hai que apoiar o galego pero non o falan. O máis importante é empregalo e telo presente na vida. Creo que a xente debería intentalo máis.

— Como vai a tese?

— Estou recibindo moita axuda e a comunidade galegofalante quere apoiar a causa. Creo que aínda que me queiran axudar a min, indirectamente a xente tamén quere apoiar a súa propia lingua para que se vexa o valor que ten.

— Que conclusións saca das entrevistas que está facendo?

— Sobre todo que hai moitas variacións nas motivacións. A xente quere falar galego por ligazóns familiares ou por amor pola lingua, pero tamén por motivacións políticas. Ou non. Eu pensaba que moitos dos neofalantes ían ter motivos políticos pero hai moitísima mais variación e moita diversidade entre os neofalantes.