A lei do talión

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

MOHAMMED SABER | EFE

26 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Procede do latín tallos, que significa «idéntico», e por iso o refrán que expresa a lex tallionis é ollo por ollo, dente por dente. A lei do talión implica un bucle interminábel de reciprocidade que, desde a Ilustración, se considera un pozo sen fondo onde desaparece toda ética, ese elemento co que as civilizacións razoábeis superaron a ira vingativa que tapa o odio con máis odio, ata que os pobos xa non lembran onde quedou o ovo ou a galiña do horror primixenio. Para rachar ese bucle, hai que querer parar e deixar unha afronta sen vingar; nesa actitude magnánima é onde nace o Estado de dereito que, mediante esta fondísima condición ética, trata de pór orde no inordeábel: a guerra.

Condenar a Israel por este talión contemporáneo non implica que non condenemos, tamén, os actos terroristas de Hamás, dunha envergadura parella aos atentados do 11S. Pero cómpre desbotar a equidistancia e abrazar a ética. A comunidade internacional ten aquí unha oportunidade de ouro para deixar a un lado a política de bandos condenando toda violencia, proceda de onde proceda. Porque o certo é que apoiar os violentos, a calquera deles, si implica aceptar a crueldade como lóxica, e non aprenderiamos nada nin da Ilustración, nin da lección da Segunda Guerra Mundial nin do 11S.

Cómpre reivindicar a superioridade moral de quen sabe empregar o poder abafante do silencio: a non-resposta como desarmamento. Defenderse dun ataque non ten por que implicar un ataque máis violento. E teño para min que, se Netanyahu tivese o arranque de cargarse coa dignidade dunha forma de silencio, hoxe, moita máis xente empatizaría co pobo israelí. Pero, así, non. O día que me demostren que os nenos gazadís mortos son Hamás, entón, reformularei a miña capacidade para a empatía.