O caos do acceso a Medicina

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

25 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo proceso de democratización é positivo pero perde o seu valor cando non se fai con transparencia, equidade ou legalidade. E isto é o que está a ocorrer co acceso ao grao de Medicina, que desde principios deste século resultou beneficiado co nacemento do distrito aberto en España, pero cuxo sistema organizativo foi dexenerando e hoxe tense convertido nun caos que prexudica cada curso a moitos alumnos e familias. 

Hai que resignarse a este radical procedemento meritocrático porque é un mal menor, insubstituíble polo momento. A vocación ou a competencia, esenciais no futuro médico, non se teñen en conta e o único que se valora son as frías e altísimas cualificacións de corte para acceder a esta carreira. Pero o que non se pode aceptar é que por riba este mecanismo de selección se teña convertido nun sistema confuso que pode manter en vilo a alumnos e familias ata ben entrado o curso académico, beneficiando aos máis agudos, que coñecen os trucos ou teñen acceso a información que non se fai pública.

Falta transparencia, porque non hai uniformidade de criterios e de información entre comunidades autónomas nin entre universidades. As listas de admitidos expóñense en prazos diferentes e móvense constantemente sen levar parella unha actualización rápida e clara deste proceso, que aínda resulta menos diáfano en universidades que non as fan públicas en internet. Os chamamentos dos alumnos non se fan de xeito uniforme e, mentres nalgunhas universidades resulta lento e burocratizado, noutras é rápido e efectivo, chegándose mesmo á chamada telefónica persoal, que tantos problemas soluciona. Por outra parte, moitas facultades de Medicina non pechan o proceso de asignación de prazas ata ben entrado o curso, o que complica a estabilidade dos alumnos.

Non hai equidade, porque a ponderación da nota dalgunhas materias non é igual entre comunidades autónomas ou porque alumnos con inferiores cualificacións pero pertencentes a familias podentes conseguen entrar en universidades privadas ou estranxeiras, mentres que outros, con mellores notas, non poden acceder aos estudos de Medicina. Tampouco hai garantía de legalidade, porque algunhas universidades deixan prazas vacantes, incumprindo a normativa de ámbito estatal que esixe cubrilas todas.

A solución está nunha normativa básica do Goberno de España, xa prevista desde hai anos, que estableza un proceso único para tódalas comunidades autónomas e universidades. Única inscrición, lista, chamamentos e información sobre todo o proceso, para evitar a anárquica situación actual. Pero ano tras ano segue sen tomarse esta decisión, debido á clásica incapacidade dos ministerios responsables de educación e universidades para abordar asuntos prioritarios de coordinación no sistema educativo, que ademais neste caso non teñen por que ir en contra do precepto constitucional da autonomía universitaria. Se o número de familias afectadas fose moito maior, seguro que as súas protestas serían atendidas ben e rápido.