Educar para non violar

Ánxela Rodríguez SECRETARIA DE ESTADO DE IGUALDADE E CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

05 jun 2022 . Actualizado a las 17:08 h.

Estes días estamos a ver nos medios de comunicación un relato sobre o suposto repunte da violencia de xénero e da violencia sexual. O relato que se está a instalar sobre a proliferación das manadas que cometen agresións sexuais en grupo semella recordar a esa época de terror sexual que describía Nerea Barjola no seu libro Microfísica sexista del poder. Sempre que as mulleres conseguimos avanzar en dereitos feministas, sufrimos unha reacción patriarcal que adoita vir dende diferentes eixos. Intentar instaurar o relato de que estas agresións se están a incrementar cando todo apunta a que só estamos asistindo a unha revelación dunha violencia que sempre se cometeu é unha estratexia patriarcal para controlar os corpos das mulleres. Dende 2009 incrementáronse as denuncias por violencia de xénero nun 20,15 %, pasando de 135.539 a 162.848; mentres que as investigacións por delitos contra a liberdade sexual incrementáronse nun 41 % en cinco anos, das que tan só o 4 % son producidas por manadas.

O que si está a pasar é que as mulleres comezan a confiar nas institucións e ven nelas portas de saída a esa violencia. A recente aprobación no Congreso da lei de liberdade sexual lanza un potentísimo mensaxe ás mulleres: confía nas institucións porque as institucións, por fin, confían en ti, crente e respáldante. O que lles di a todas as mulleres esta lei é que se non dixeron que si, é un non. Que a culpa das violacións é sempre dos agresores e nunca das mulleres. Que non teñen que defenderse da violencia sexual para que as creamos. Que se non consentiron esas relacións sexuais, entón son agresións sexuais.

Por primeira vez se crea por lei un itinerario específico de protección e reparación para as mulleres que foron vítimas de violencias sexuais. Este itinerario prevé a creación de catro centros de crise en Galicia para 2023, un por provincia, aos que calquera vítima de violencia sexual poderá acudir, aínda sen interpoñer denuncia; porque estes centros o que buscan é atender ás mulleres que sofren estas violencias e poñer á súa disposición todo o que precisen para que, se deciden denunciar, poidan facelo con todas as garantías.

Coa Lei de Liberdade Sexual, ademais, reforzamos o máis importante: que educar é o mellor antídoto para evitar as agresións sexuais. Educar para non violar. Así de sinxelo. Debemos asegurar, e esta lei faino, que ningún neno ou nena poida acabar a educación obrigatoria sen saber que as relacións sexuais están baseadas no consentimento e no respecto. Sen saber que a liberdade sexual é un dereito para todos e todas. Un dereito que ás mulleres se nos negou historicamente e, por fin, en Galicia e en España, puidemos conquistalo.