Adrián Armesto, o gandeiro que se fixo viral en TikTok: «Tiven que pechar as miñas redes sociais unha semana»

Sara Pérez Peral
Sara Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Adrián Armesto, nunha imaxe coas súas vacas cachenas na aldea modelo de Trascastro
Adrián Armesto, nunha imaxe coas súas vacas cachenas na aldea modelo de Trascastro

Tras protagonizar un vídeo da Xunta no que falaba sobre o seu proxecto de aldea modelo en Trascastro (O Incio), viuse abafado pola cantidade de mensaxes que estaba recibindo: «Tú si que eres un modelo»

28 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O móbil de Adrián Armesto (Monforte, 1995) non deixou de soar despois de que a Xunta publicou na súa canle de TikTok un vídeo no que explicaba en que consistían as aldeas modelo. El sábeo moi ben: hai case cinco anos que comezou co seu propio proxecto na aldea natal, en Trascastro (O Incio). Hoxe xa ten máis vacas cachenas ao seu cargo (38) que anos feitos. Co que non contaba era con que a publicación se volvese viral. Agora é o gandeiro de moda en Galicia, ata o recoñecen e paran pola rúa, conta.

—Vaia unha se montou co vídeo, máis de 92.000 visualizacións só en TikTok e cheas de comentarios. É o máis viral da Xunta.

—Polo que vin, si. Superou incluso as reproducións do vídeo de Alfonso Rueda en campaña. A verdade é que lle perdín un pouco a conta das visualizacións, pero por aí andará.

—Cantas veces o viu?

—Eu? Dúas ou tres. Como o vía por todas as partes, xa dicía: «Uf, outra vez o meu vídeo». Moitas veces, aparecíame e xa o quitaba.

—Ata tivo que pechar as súas redes sociais pola cantidade de mensaxes que estaba recibindo...

—Foi publicarse o vídeo e empezar a seguirme e a falarme xente que non coñecía de nada. Non sei ata que punto se considera acoso nunha rede social... Pero tiven que bloquear o Instagram e o Facebook durante unha semana e uns días.

—Ao final, o debate centrouse no seu físico e non na aldea modelo, a razón do vídeo.

—A min deume rabia por iso. A maioría dos comentarios en TikTok estaban relacionados co meu físico, non co proxecto que estaba explicando. Pero, despois, si que vin comentarios que te fan sentir orgulloso do teu traballo, xente que si que valora o que estás facendo e se interesa.

—De todas as mensaxes que recibiu, cal foi a máis rara? Lin unha na que lle dicían: «Tú sí que eres modelo».

—Algunhas si que foron simpáticas e graciosas. Nunha dicíanme: «Quisiera ser vaca para estar a tu lado». Teste que rir, porque non che queda outra.

—Como leva entón ser o gandeiro de moda?

—Non sei se son o gandeiro de moda, porque hai moitos máis rapaces da miña idade que están facendo un labor incrible nas súas aldeas. Pero é difícil facerse ver. Que como me sinto? Igual que o primeiro día.

Pilar Canicoba

—Moito se está a idealizar a vida no campo. Pero non sempre será así... Non?

—Sempre o dixen: para que o agro vaia adiante tes que vivir del. Está xenial a xente que vén de paso ou que só está no verán, pero para que as casas sigan abertas hai que vivir del.

—Hai moito ao que renunciar?

—Eu son un amante da natureza e do deporte; antes traballaba de socorrista. Cando tiven a posibilidade de facer algo na miña aldea, non o vin como que tivese que renunciar a moitas cousas. Pero unha gandería é sacrificada, tes que estar fisicamente presente. Non todos os días: os meus animais están fóra, pero hai que ter os peches controlados. Sempre hai traballo. Isto é moi de estar.

—O normal sería que quixese «escapar» do campo, dígoo porque pouca xente nova hai. Por que apostou por el?

—Un dos culpables foi meu pai. El leva moitos anos cunha gandería na zona alta da aldea, na montaña. E, aínda que eu tiña o meu traballo, sempre procuraba botarlle unha man. El foi o que me contaxiou esa paixón.

—Cantos veciños ten?

—Durante todo o ano somos sete casas, con dúas ou tres persoas en cada unha.

—Ve o mesmo futuro no campo ca na cidade?

—Persoalmente, si. Ao final, o traballo que estou a desempeñar aquí é moi viable, e, se se organiza ben, pódese vivir perfectamente dunha actividade no agro, incluso mellor que na cidade. Eu véxome aquí.

—Hai que ter vocación para apostar polo traballo no campo?

—Sen vocación non hai nada. Claro que hai que tela para apostar polo rural. É un traballo moi gratificante, ves día a día a túa evolución. E traballar ao aire libre, con animais, non hai cartos que o paguen. Se me dan un traballo de oficina, non o aguantaría, non é para min. Moita xente dime: «Traballar aquí é coma estar vendo un cadro».

—E hai que ser valente?

—Si, bastante. Ao final, entre os investimentos e comezar en algo novo ao que nunca te dedicaches, hai que ser valente. Pero sen medo, eh? Se te guías polo que che di a xente, non fas nada. Cando comecei, só había mensaxes negativas.

—Haberá segunda parte no vídeo da Xunta?

—Si, eu creo que si. Cando viñeron gravarme para que explicase o funcionamento das aldeas modelo, houbo máis contidos.

E para rematar...

1. Que é o que non pode faltar na súa casa?

Compañía: da miña parella, dos meus pais ou dos amigos.

2. Que titular lle gustaría ler en La Voz de Galicia?

Aparece a cura contra o cancro.

3. Un día que non esquecerá?

Unha posta de sol en Ons cos amigos.