Lucía C. Pan, premio Chano Piñeiro: «Pensaba que só se facía cine en cidades como Madrid»

FUGAS

Lucía C. Pan
Lucía C. Pan .

23 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Detrás da cámara de obras galegas como Doghs, Matria ou Eroski Paraíso está Lucía C. Pan (Cambre, 1984), directora de fotografía que recibirá o premio Chano Piñeiro ao talento e o emprendemento audiovisual do Festival de Cine de Ourense. Unha noticia que recibiu «con sorpresa, igual porque tendemos a pensar que somos máis pequenas do que somos e que vivimos máis illadas do panorama do que estamos». Cinéfila dende pequena, grazas aos seus pais, confesa que non se imaxinaba poder dedicarse ao audiovisual en Galicia e que o que máis a conquista do seu oficio é «a idea de xuntar talentos para intentar facer chegar historias e que cheguen dunha forma particular, que non só sexa un reflexo da nosa forma de ser ou pensar, da nosa lingua; tamén importa como decidimos contalo».

­—Como chega o interese pola fotografía audiovisual?

—Sempre me interesou moito, pero non era consciente de que fose unha posibilidade real en Galicia. Pensaba que era algo que se facía en cidades como Madrid ou Barcelona, nunca tiven moitas ansias de irme fóra e cría que dende aquí non estaba ao meu alcance. Ata que estudei Belas Artes e entrei en contacto cun panorama máis amplo. Na facultade descobres que, en realidade, tes posibilidades de desenvolver este traballo dende aquí. Por exemplo, foi aí onde vin por primeira vez Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro.

—É duro o camiño para dedicarse a esta industria en Galicia?

—Depende do momento. No meu caso era 2008, nunha época de crise, foi un proceso lento e duro porque non había traballo nin para os que levaban anos na industria. Foi un goteo de varios anos de ir picando pedra ata que remontou o sector e eu funme facendo sitio.

—Agora está mellor?

—Agora mesmo nas rodaxes nas que estou imos buscar xente á porta da facultade ou das escolas, estamos sempre procurando talentos novos porque non somos suficientes para a cantidade de traballo que hai.

—O cinema galego chega ao público de aquí?

—Apréciase moito e á xente gústalle ver cousas que se fan aquí, especialmente o que acaba na televisión, como as series. O público disfruta vendo unha canteira de actores, un tipo de linguaxe, o uso do idioma e que as cousas que se contan están ligadas ao territorio. O que se lles escapa máis é ese cinema de autor ou experimental, que non está feito para un sector da poboación moi amplo, iso é o que non se coñece tanto, que é o que ten repercusión internacional. Fixen unha curta hai uns anos, Matria, que foi ao festival de Sundance, en Estados Unidos, e a conexión que sentían as persoas de alí cunha obra que falaba dunha muller conserveira que traballa nunha fábrica era grandísima. Non sei que é o que nos falla para chegar máis ao público galego. Temos un circuíto moi grande de festivais para que a xente descubra o que hai. Tamén ten que haber un esforzo do público. A min pasoume, na universidade deime conta de que había moitas cousas que estaban ao meu alcance, pero non era consciente se non as buscaba.

—Algún proxecto que recordes con especial agarimo?

—Temos unha estrutura de traballo que bloquea moitos aspectos da túa vida, déixala un pouco de lado para centrarte no proxecto e con moito esforzo, entón todos teñen cousas que resaltaría, nos que hai moito de min mesma. Pero creo que debería mencionar Doghs, que foi a miña primeira longa. A rodaxe foi moi dura, pasámolo tan mal como ben e moito do mérito de conseguir asentarme profesionalmente no sector é desa longa, porque me situou no panorama, foi un «aquí estou e podo facer isto».