A MIT de Ribadavia reivindica nos seus 40 anos a coprodución

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Parte del equipo que hace posible la MIT
Parte del equipo que hace posible la MIT Santi M. Amil

Un dos aspectos nos que incidiu o director da mostra, Roberto Pascual, foi na condición de pioneiro do certame escénico

09 may 2024 . Actualizado a las 13:51 h.

A MIT (Mostra Internacional de Teatro) de Ribadavia celebrará a súa 40.ª edición reivindicando todos os froitos e o legado destes catro decenios de actividade e, ao tempo, avogando pola coprodución teatral e as residencias escénicas. Así o adiantou este mércores o director da MIT, Roberto Pascual, ao dar a coñecer o cartel deste ano. Para este escolleuse un tríptico —no acto estivo Ainhoa Viñuela, unha das creadoras— que mestura imaxes da fotógrafa oficial da MIT, Rosiña Rojo, con obras pictóricas de museos europeos. Patricia de Lorenzo, Marta Pazos e La Macana protagonizan os carteis. Na presentación estiveron o alcalde, César Fernández, e a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez.

Un dos aspectos nos que incidiu Pascual foi na condición de pioneiro do certame escénico da capital do Ribeiro na aposta pola participación no desenvolvemento de proxectos: «Fomos o primeiro festival en realizar coproducións, en fomentar o diálogo das compañías galegas nun contexto internacional, a diversidade de xéneros escénicos, as residencias e a programación expandida... Todo iso pretende ser a imaxe, baixo o fondo patrimonial e artístico da vila, con variada oferta de espectáculos na rúa, ademais do castelo». E será precisamente o último proxecto no que se participou, Iribarne, o que clausurará a MIT 2024 —que se desenvolverá entre os días 19 e 27 de xullo.

Ainoha Viñuela, Roberto Pascual, César Fernández e Yolanda Gómez na presentación
Ainoha Viñuela, Roberto Pascual, César Fernández e Yolanda Gómez na presentación Santi M. Amil

Outra das iniciativas que se avanzaron foi a nova convocatoria das estadías creativas. A comezos de xullo chegarán a Ribadavia os artistas que participan na convocatoria de residencias Paraíso. A igrexa da Madalena será o seu espazo de traballo, e o proceso creativo poderase ver na mostra. O pasado ano estivo Brigitte Vasallo co seu proxecto Queixa, que agora mesmo se atopa xirando a nivel internacional. Desta volta, contarase co colectivo Desgarradura, que promoven The Miracle Worker, unha creación arredor dos conceptos de familia, fogar, recordo e perdón.