A Pedreira viaxa en «Se me apuras» desde o folk galego ata o fado, a habaneira e o reguetón

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Ugia Pedreira, nunha imaxe promocional.
Ugia Pedreira, nunha imaxe promocional. Óscar Górriz

A cantora luguesa publica o segundo adianto do seu novo traballo, «Basal»

24 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Pedreira —proxecto musical da cantora Ugia Pedreira (Vilaronte, Foz, Lugo, 1970)— presentou o segundo sinxelo do seu novo traballo, Basal, unha fonda reflexión sobre psicoloxía, música, comunidade e territorio estruturada en dez cancións que moi pronto verá a luz e da que hai só unhas semanas amosou o primeiro adianto, Soltar. Se me apuras opera coa política como punto de partida e como arte de facer sociedade e de tecer redes, administrar o conflito e expresalo dun modo íntimo e social. «Se me apuras, tudo país é aldeia, tudo estado família, tuda casa nação», argúe unha pasaxe da peza nun mantra que, relata a artista luguesa, naceu dunha conversa con Uxía, amiga e unha das grandes referentes da canción galega e tamén moi achegada ao universo lusófono.

O tema —inciden desde Raso Studio— constrúese desde a canción de autor absolutamente transversal, na que A Pedreira recolle xestos que viaxan desde o folk galego, desde A rianxeira, ata outro fito do país veciño como é o Estrela d’Alva de José Afonso, incluíndo chiscadelas ao fado e ás habaneiras cubanas e licenzas que lindan, se me apuras, cun reguetón orgánico de arrecendo brasileiro.

Ugia Pedreira —piar fundamental da vangarda cultural galega, lembra Raso Studio— exerce nesta peza de auténtico médium para iluminar unha canción chea de cores e ingredientes tan diversos como harmónicos. Se me apuras, di, é, en realidade, un manifesto global a prol da unión cultural e a mobilidade á que o pobo galego leva séculos afeito, pero tamén é unha afirmación de que o máis íntimo e persoal tamén é cousa política.