Aniversario

santipazos
santipazos O ABELLON

CARBALLO

Santi Pazos, sociólogo, autor desta columna de opinión
Santi Pazos, sociólogo, autor desta columna de opinión Ana Garcia

03 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Pois si, agora en maio O Abellón cumpre un ano de existencia. Unha columna de opinión, que aínda sendo persoal, sempre pretende facer unha reflexión sosegada e pedagóxica do que acontece na realidade socio-política aportando un punto de vista particular, e penso que informado, sobre temas que considero de interese público. Nunca escondo o meu espazo ideolóxico, situado no centro esquerda socialdemócrata, así que pode que moitos dos lectores pensen que, de cando en vez, defendo posturas partidistas. Algo moi lonxe das miñas intencións xa que, dende que se disolveu o PSP, non milito en ningún partido político. Quizais non sempre consiga transmitilo, pero son artigos escritos con total independencia e liberdade. Doutro xeito non tería sentido facer este esforzo.

Sobre todo nestes días que se fala tanto de rexeneración democrática, de liberdade de prensa, de manipulación informativa, lawfare e fake news. Actualmente, realidade e ficción comparten titulares en igualdade de condicións informativas. Situamos no mesmo plano a un «defraudador confeso» como é a parella da Sra. Ayuso coa «suposta influencia» prevaricadora da muller do presidente do goberno. Vemos como Assange segue a ser perseguido por publicar algo que xa sabiamos, como é a espionaxe que practican todos os estados, porque afecta a EEUU. En Rusia encarceran e asasinan a periodistas e políticos. En moitos países de América Latina impera «la balacera». E temos que aguantar que falen de liberdade os que ameazan a periodistas ou que compran silencios cómplices e belixerantes. Son exemplos coñecidos, non digo nada novo. O terrible é que a liña que separa a liberdade da mordaza é difícil de identificar. Xa ven, pensaba escribir unha felicitación e saíume un sermón.