Reis

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

BASILIO BELLO

05 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os que me coñecen ben, ou me len decotío, xa saben que non son monárquico. Considero que é unha institución anacrónica e antidemocrática. De feito, espero que nun futuro próximo teñamos un referendo sobre esta cuestión. Eu prefiro unha República Federal, pero mentres non se faga esa consulta manteño un respecto crítico constitucional. Pola contra, si manteño unha vasalaxe afectivo novelesca ao meu Rei de Suevia, entrañable amigo que vive dentro dun dilema existencial entre a perfección desexada e a realidade putrefacta que nos rodea. A sensibilidade lírica non ten acougo neste sistema de intereses materiais tan interiorizados. Por iso os poetas sobreviven malamente entre a exuberancia épica de Whitman e o desasosego de Pessoa. Mais, por seguir cos reis, tampouco lles teño moito aprecio a eses chamados Magos, aínda que me dá tenrura esa alegría inocente dos cativos nas cabalgatas, ou cando atopan os agasallos (a maioría das veces comprados a crédito). Nunca foron xenerosos comigo, e Papá Noel tampouco. Por certo que aquí teremos que facer outro referendo familiar para decidir de quen somos devotos ou correremos o risco de que o burato económico ocasionado nestas datas se multiplique por dous como xa ocorre en moitas familias.

Tamén podemos optar polo amigo invisible, sistema moito máis democrático, xa que o gasto vai repartido e a maxia consiste en adiviñar quen meteu a zoca agasallándote cos calcetíns máis horrorosos que había no «todo a cen». O principal, sexan monárquicos, republicanos ou versátiles, é que gozasen do Nadal como quixeron ou puideron. E non esquezan mercar algún paliativo para a resaca festiva porque o entroido comeza nun mes.