Dereito a morrer en graza

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

La actriz Itziar Castro, en una imagen de archivo
La actriz Itziar Castro, en una imagen de archivo MARISCAL | EFE

18 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Amorte de Itziar Castro é unha prospección de calidade humana. Normalmente, unha morte é un lugar de recollemento pero no seu caso foi un xuízo de valor, un debate mediático. Morreu por gorda, foi a mensaxe que miles de internautas proxectaron.

Que foi unha morte premeditada, buscada, coma se un infarto fose unha inmolación propia. Faríamos o mesmo cun fumador empedernido que morrese de cancro de pulmón? Fariámolo con semellante violencia? Imaxínense ser os pais ou os irmáns, habitar unha pel inflamada pola dor de perder a quen un ama. Baixo a premisa da liberdade de expresión, a rede énchese de virólogos, forenses, médicos, especialistas e demais. Confundimos a liberdade coa responsabilidade editorial e iso desemboca en seguir promulgando un estereotipo gordofóbico.

Hai xente delgada que tamén morre por infartos. Hai unha ampla cota de infartados que son mulleres, con síntomas moi diferentes que os fan imperceptibles. Ninguén decide voluntariamente ser gorda e ocupar un espazo inxente. Ninguén sabe as enfermidades mentais ou físicas que existen detrás dunha obesidade mórbida: problemas endócrinos, hormonais, depresións de cabalo... Non podemos opinar de corpos alleos. Direille aos haters un segredo: todos temos espellos na casa.

Hai moitos espazos para promulgar unha vida equilibrada. Un deceso non é unha circunstancia propicia. Eu creo que Itziar foi unha muller que rompeu moitos teitos de cristal, tales como ser unha actriz prolífica tendo obesidade. Iso non o consegue calquera, independentemente do seu corpo. Que mágoa sentir eses xa cho dixen, que a recorden por gorda e non pola grande figura artística que era. Iso tamén é odio profuso.