Último de abril

Olegario Sampedro CAIXA DE CORREO

RIBEIRA

ALEJANDRO RODRIGUEZ

Nesta mesma data se conmemora o Día Mundial contra o Acoso Escolar, unha epidemia que non somos quen de exterminar

02 may 2024 . Actualizado a las 13:58 h.

«Último de abril, primero de mayo. Que entre el bueno y salga el malo». Este era o dito que, cada 30 de abril, se empregaba para bendicir as casas armados coa rama dun maio mollada en auga bendita, tratando de afastar dos fogares as enerxías negativas.

Acordeime disto mentres lía que nesta mesma data se conmemora o Día Mundial contra o Acoso Escolar, unha epidemia que coa forza dunha hidra multicéfala non somos quen de exterminar. Ignoro cantos casos logran evitarse cos plans específicos que, reiteradamente, se poñen en práctica nos centros educativos coa intención de previr e erradicar esta violencia inxustificada e gratuíta. Non obstante, o que si sei é que o número de casos que non somos quen de reducir é arrepiante. Partindo da premisa de que un só rapaz ou rapaza acosada é unha cifra demasiado alta, as avultadas porcentaxes oficiais que se publican deberan darnos pudor, avergoñarnos como comunidade e facernos asumir, dunha vez por todas, que un neno ou unha nena que acuda á escola con medo aos seus conxéneres é reflexo dunha sociedade inepta.

Considerar que o acoso escolar é un asunto que deben resolver exclusivamente os colexios e institutos pode resultar balsámico para as nosas conciencias, pero non deixa de ser unha absoluta mostra de irresponsabilidade en tanto que este tipo de violencia ten un definitorio xerme social, xa que un acosador non se fragua unicamente dentro dos muros dunha escola. 

Todos, sen excepción, somos axentes educativos: os docentes e os proxenitores, a familia, os amigos, os medios de comunicación, as redes sociais e o veciño do 5o. Educa a tribo. Transmitimos valores, ensinanzas e tolerancias cos nosos actos, as nosas palabras e o noso exemplo. A educación é unha responsabilidade compartida, e como tal temos que entendela e asumila. Mentres así non o fagamos, seguirá habendo rapazada intimidada, angustiada, insultada, asediada, humillada, vexada...

Hai uns meses, ao remate dunha rolda de prensa onde presentabamos un programa comunitario contra o acoso escolar, un asistente achegóusenos e díxonos convencido: non credes que estades esaxerando un pouco?

Que mágoa non ter naquel momento un maio enchoupado en auga bendita!