Rianxo non esquece aos mortos que levou o mar

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

Familiares e veciños participaron un ano máis na homenaxe aos mariñeiros diante do monólito do parque de Galicia

01 may 2024 . Actualizado a las 19:55 h.

Vicente, Manuel, Ángel, Santiago... Son só catro dos 48 nomes que aparecen gravados na pedra dun monólito do parque de Galicia da vila rianxeira. Todos eran veciños de Rianxo, e todos morreron no mar. Esa é a súa historia en común, o principio e o fin das súas vidas. Algúns morreron a principios do século XX, os últimos xa co XXI iniciado, pero todos eles seguen moi presentes na memoria colectiva de Rianxo e, sobre todo, na das súas familias, que como cada Primeiro de Maio volveron renderlle unha sentida homenaxe.

Desta volta, o 1 de maio contou cunha soada ausencia, a de Manuel Galbán, impulsor deste recoñecemento. No monólito erixido enriba dunha rosa dos ventos e os versos do poeta do mar, Manuel Antonio, están inscritos os nomes de tres membros da súa familia que morreron afogados. Un problema de saúde impediulle participar por primeira vez na conmemoración do Día das Xentes do Mar, pero o acto foi igualmente emotivo. No seu nome, o seu fillo foi o encargado, xunto co alcalde, Julián Bustelo, de depositar unha coroa de loureiro no monumento dedicado aos mariñeiros falecidos.

Música de acompañamento

Na homenaxe tamén participaron a coral Abraira de Asados, que entoou a Salve marinera, e o grupo de gaitas Río de Anxo, que interpretou o himno galego baixo a ameaza de chuvia.

Precisamente, o mal tempo motivou un cambio no programa previsto e, no canto de na capela de San Bartolomeu como é habitual, a misa en recordo dos falecidos no mar celebrouse na igrexa parroquial de Santa Columba. Marcelino Sánchez foi o encargado de oficiar a cerimonia, en memoria especialmente dos mariñeiros, pero tamén de todos os que morreron en accidentes laborais.

Finalizada a misa, cantada pola coral Abraira, a choiva fixo unha pausa e permitiu que se levara a cabo un último acto de homenaxe. Veciños e familiares embarcaron no Vicente Cebreiro para unha ofrenda marítima coa que volveron despedirse dos seus mortos no mar.