A mostra de teatro Xosé Agrelo de Muros dá protagonismo aos grupos locais

Francisco Brea
F. Brea RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

A programación foi presentada na casa consistorial muradá.
A programación foi presentada na casa consistorial muradá. CEDIDA

Presentacións literarias, charlas e un bo número de representacións forman a programación da décimo sexta edición da iniciativa

29 abr 2024 . Actualizado a las 18:08 h.

O mes de maio levará a Muros unha intensa programación cultural grazas á mostra de teatro Xosé Agrelo, que nesta decimo sexta edición da un gran protagonismo aos grupos locais. De feito, o Concello quere que isto sirva tamén como unha homenaxe ao tecido teatral do municipio, como explicou na presentación a alcaldesa, María Lago.

As actividades comezarán o venres, ás 19.00 horas no centro Agro Vello de Tal, coa presentación do libro Ouveos fractais, de Patricia Torrado. Unha semana despois terá lugar a primeira representación da man de O Xeito Teatro, que, ás 10.30 no auditorio do centro cultural e xuvenil, escenificará As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas.

A función farase en horario escolar porque o Concello quere que «o teatro chegue aos nenos. Todo o alumnado de Muros verá algunha representación», afirmou a concelleira de Lingua, Laura Rivadeneira.

O día 16 desenvolverase a primeira representación que será aberta a todo o público, na que o Grupo de Teatro ACC Terras de Outes subirá ás táboas con Comedia bífida.

Día das Letras Galegas

Na conmemoración do Día das Letras Galegas, o 17 de maio, haberá moita actividade. Ás 13.30 terá lugar unha homenaxe a Xosé Agrelo na alameda de Esteiro, onde media hora despois actuará Pakolas con Cores contos coa Ramona Pequena. Pola tarde, ás seis e ás oito, no local social da Esteirana de remo poderase desfrutar de O espantallo, a cargo da ANPA Ricardo Tobío. Para concluír, ás 20.00 horas, na praza do Mercado de Muros, actuará Pakolas representando A Ramona Pequena vai á Lúa.

A ampla programación prolongarase ata o 25 de maio, incluíndo en total unha ducia de representacións, ademais da presentación literaria e unha charla.