Tópicos sen substancia

Natalia Lema Otero

MAZARICOS

Operativo de búsqueda realizado durante este martes cerca del lugar donde apareció la cabeza.
Operativo de búsqueda realizado durante este martes cerca del lugar donde apareció la cabeza. Alvite

A vida en vilo dunha aldea galega: desaparicións e descuartizamentos. Así comeza un morboso artigo nun dos máis prestixosos xornais de España sobre Mazaricos

22 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A vida en vilo dunha aldea galega: desaparicións e descuartizamentos. Así comeza un morboso artigo nun dos máis prestixosos xornais de España sobre Mazaricos. Á súa autora, diríxome nestas pouco copiosas liñas. Mazaricos é moito máis que a crónica negra precedida por un suceso tráxico e, dende logo, tristísimo. A aldea á que me refiro é un reduto de beleza inestimable. A súa praza foi o centro neurálxico da vida dos veciños dende hai moito tempo, incluso alí se reuniu meu avó hai anos cos seus cuñados para alistarse na mili. Nas súas rúas, cando pasas por alguén, sempre te saúdan os veciños, maila que non te coñezan ou non saiban de quen vés sendo. Naquelas vacas da praza, esculturas estáticas de mirada fixa, incluso podes emular a mirada fonda destes animais. E nin falar das fervenzas, da igrexa de Santabaia ou dos segredos agochados do Encoro da Fervenza.

Eses titulares sensacionalistas, caendo en tópicos rancios, pouco favor lle fan ao lector. Non reflicten a realidade dun lugar sen precedentes. A miña familia foi durante xeracións de Mazaricos. Que me perdoen os de Vimianzo, pero síntome mazaricá de corazón.

Non gusto nada daquelas persoas que vinculan un delito de sangue co lugar onde se produciu, dándolle unha connotación maquiavélica e ruín. Oxalá fósemos máis conscientes da responsabilidade editorial que deberían exercer os medios de comunicación. As palabras causan efecto, modelan a imaxe que todos temos dun sitio, alteran a percepción do fidedigno.

Xa llo aclaro eu á señora xornalista: Mazaricos é un concello que destaca por moitas outras cousas alleas ao crime, de Pino do Val á Picota pasando por tódalas aldeas da contorna.