Querido Pedro Sánchez

JOSÉ TOMÉ ROCA

A MARIÑA

27 abr 2024 . Actualizado a las 15:03 h.

Querido Presidente Pedro Sánchez,

Como Secretario Xeral do PSdeG-PSOE na Provincia de Lugo e Presidente da Deputación de Lugo, quero trasladarche todo o apoio, respecto, empatía e cariño en nome propio e de todos e todas os milleiros de simpatizantes e militantes da nosa provincia.

Entendo a túa dor e preocupación pola campaña de mentiras, falsidades e manipulacións que a dereita e a ultradereita leva difundindo dende hai moito tempo sobre ti e a túa familia. Non é xusto. Comprendo o difícil que é afrontar estas situacións día tras día, pero véxome no deber de pedirche que fagas un novo esforzo de resistencia para evitar que aqueles que non merecen chegar ao Goberno de España o logren a través da difamación e a desinformación. Non todo vale.

Aquí en Galicia coñecemos ben a forma de actuar de Alberto Núñez Feijóo, quen no 2009 chegou ao Goberno da Xunta de Galicia baseando a súa campaña en dúas grandes mentiras: a suposta compra dun coche oficial blindado moi custoso por parte de Touriño e a adquisición dunhas cadeiras por parte do Conselleiro Méndez Romeu, acusándoo de despilfarro. Estes casos evidencian como a manipulación e as falsidades poden prexudicar gravemente a aqueles que buscan servir ao país.

Os cargos socialistas fomos obxecto en numerosas ocasións de investigacións ou imputacións nos últimos anos, resultando os casos arquivados ou os compañeiros e compañeiras absoltos. Desafortunadamente, algúns non puideron recuperar os seus postos, o que representa unha grave inxustiza. Pídoche que non caias nos mesmos erros e que non permitas que as sucias tácticas da dereita e a ultradereita prevalezan.

Contas co meu total apoio para que sigas traballando incansablemente en beneficio de todos e todas os españois, mellorando as súas condicións e calidade de vida, loitando por novos dereitos sociais e laborais, fortalecendo a economía e creando emprego. O teu liderado foi fundamental para posicionar a España nun lugar destacado a nivel internacional, e confío en que seguirás desempeñando un papel exemplar á fronte do Goberno.

Recibe unha enorme aperta e todo o meu respaldo para seguir adiante. Xuntos, superaremos os obstáculos e construiremos un futuro próspero e xusto para todos e todas.

José Tomé Roca

Secretario Xeral do PSdeG na Provincia de Lugo

Presidente da Deputación de Lugo